Quen somos
Somos seis familias propietarias de vivendas situadas en San Pedro de Benquerencia (Barreiros), construídas hai case vinte anos coas correspondentes licenzas urbanísticas concedidas polo propio Concello.
Mercamos os nosos terreos coas licenzas xa concedidas, construímos as nosas vivendas e actuamos sempre confiando na legalidade dos actos da Administración.
Nunca promovemos construcións clandestinas nin á marxe da normativa.
Hoxe enfrontámonos ao derrubamento das nosas vivendas como consecuencia de decisións administrativas e urbanísticas completamente alleas á nosa vontade.
O noso único obxectivo é evitar un prexuízo que consideramos inxusto, tanto para as nosas familias como para o conxunto da veciñanza de Barreiros.
Como se chegou ata aquí
A orixe do problema remóntase á concesión dunha licenza urbanística que posteriormente foi anulada como consecuencia da situación do planeamento municipal.
Desde entón sucedéronse numerosos procedementos xudiciais e resolucións relacionadas coa execución das sentenzas.
Durante todos estes anos, distintos gobernos municipais anunciaron a elaboración dun novo PXOM, instrumento que permitiría adaptar o planeamento á normativa vixente e abrir a única vía xurídica capaz de facer posible a legalización das nosas vivendas.
Porén, máis de vinte anos despois, ese planeamento segue sen acadar sequera a aprobación inicial, mentres a execución das sentenzas continúa avanzando ata desembocar no derrubamento.
Que din as resolucións citadas
A sentenza do TSXG do 30 de abril de 2014 rexeitou suspender a execución porque naquel momento o novo planeamento era só unha hipótese.
O auto do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Lugo do 21 de abril de 2022 sinalou que o Concello non dispoñía de planeamento adaptado e que, despois de máis de dez anos, non se acometera actuación material ningunha.
A sentenza do TSXG do 14 de marzo de 2024 recolle unha alegación da letrada da Xunta: só coa aprobación dun novo instrumento de planeamento e a obtención das licenzas de legalización podería formularse un suposto de imposibilidade legal de executar o derrubamento.
As resolucións xudiciais citadas manteñen unha idea constante: mentres non exista un instrumento de planeamento aprobado que permita a legalización, os tribunais consideran que se deben executar as sentenzas de derrubamento.
Distinguen ademais entre unha simple intención de elaborar un plan e a aprobación inicial dun planeamento con efectos xurídicos. Mesmo a representación da Xunta recoñece que, de aprobarse un novo instrumento de planeamento e obterse as correspondentes licenzas de legalización, podería formularse un suposto de imposibilidade legal de executar o derrubamento.
En consecuencia, as resolucións non afirman que as vivendas sexan definitivamente imposibles de legalizar, senón que, sen un planeamento axeitado, non existe actualmente unha vía xurídica para impedir a execución.
A vía que defendemos
Pedimos que o Concello dea prioridade absoluta á fase actual do PXOM e acade canto antes a súa aprobación inicial.
En maio de 2026 contratouse a adaptación da nomenclatura do plan a un cambio normativo, cunha previsión de dous meses. Despois quedarían os informes municipais previos ao seu paso polo Pleno.
A aprobación inicial non equivale a unha legalización automática nin permite asegurar o resultado. A súa relevancia é que convertería o plan nunha realidade susceptible de ser trasladada ao Xulgado para que valore os seus efectos.
Desde o primeiro momento perseguimos unha única solución: culminar a tramitación do PXOM e acadar a súa aprobación inicial o antes posible.
Non pedimos un trato de favor nin o incumprimento das resolucións xudiciais. Defendemos utilizar o único mecanismo previsto polo ordenamento xurídico que podería permitir ao Xulgado valorar unha nova situación urbanística antes do derrubamento.
Por iso entendemos que todos os esforzos institucionais deberían centrarse en finalizar o PXOM.
A indemnización non é o obxectivo
A lexislación recoñece que, en caso de derrubamento, poderemos reclamar a correspondente responsabilidade patrimonial. Porén, esa nunca foi a nosa finalidade.
O noso obxectivo sempre foi conservar as nosas vivendas dentro da legalidade.
Ningunha indemnización substitúe o fogar dunha familia nin o proxecto de vida construído durante anos. Ademais, suporía un importante custo económico para o Concello e para toda a veciñanza de Barreiros.
Unha posición independente
A nosa posición non responde a intereses políticos nin partidistas.
Ao longo de máis de vinte anos gobernaron distintas corporacións municipais e entendemos que todas teñen algunha responsabilidade en que esta situación non se resolvese.
Non buscamos culpables polas súas siglas, senón unha xestión responsable, transparente e eficaz.
Queremos que a cidadanía coñeza os feitos e a documentación para que poida formar a súa propia opinión.