Artigo | 17/07/2026
O que piden as seis familias ao Concello de Barreiros
Prazos para o PXOM, traslado inmediato ao Xulgado, explicacións públicas e unha reunión aberta.
A nota de prensa das seis familias non se limita a expresar desacordo co derrubamento. Formula actuacións concretas que poden verificarse publicamente.
Prioridade e prazos para o PXOM
A primeira petición é que o Concello peche con prioridade absoluta a fase actual do plan e publique prazos comprobables ata alcanzar a aprobación inicial.
Segundo as respostas do Concello ás preguntas que os afectados presentaron por Rexistro tras manter unha reunión coa alcaldesa, a secretaria municipal, a arquitecta municipal e o arquitecto redactor, desde maio de 2026 a empresa contratada para redactar o plan entregou o seu traballo no Rexistro do Concello. De inmediato contratouse coa USC unha sinxela adaptación de nomenclatura motivada por un cambio normativo. A previsión trasladada sería de dous meses, tempo que a día de hoxe xa pasou sobradamente. Despois só quedarían os informes da arquitecta e da Secretaría municipal antes do Pleno que dese luz verde á aprobación inicial do Plan.
Informar inmediatamente ao Xulgado
Se se alcanza a aprobación inicial, as familias piden que se comunique de inmediato como feito novo ao Xulgado, xa que sería unha causa de suspensión da execución.
Explicar os atrasos
Tamén reclaman unha explicación pública, con datas e responsables de cada etapa, sobre o tempo empregado en tramitar o planeamento. A petición abrangue os distintos gobernos que interviñeron durante estes anos. E, por suposto, unha explicación á súa queixa principal: por que se parou de repente esta tramitación cando queda tan pouco.
Responder en público
As familias solicitaron unha reunión nun local municipal, aberta a calquera veciño, para que o goberno local responda sobre o motivo de non sacar adiante o Plan a tan poucos pasos do final.